Xestión responsable do xogo

Dentro da visión corporativa da Sociedad Estatal Loterías y Apuestas del Estado (SELAE) encóntrase o firme compromiso coa Xestión responsable do xogo (GRJ) .
En relación a este tema, a SELAE préstalle unha especial atención a esta canle oficial de participación a través da internet, por darse nela, a causa da súa natureza interactiva, condicións potencialmente favorecedoras de hábitos de xogo intensivo.
A raíz do exposto, a SELAE articulou no sitio web as medidas descritas a continuación:

 

MEDIDAS DE PROTECCIÓN A MENORES

loteriasyapuestas.es non acepta de ningún xeito a inscrición dos menores, e así comunícaselles a todos os nosos os visitantes en xeral, e aos que inician o proceso de alta, en particular.

Para garantir o cumprimento desta política, a SELAE está totalmente comprometida co control da veracidade dos datos proporcionados polos participantes en liña, mediante os mecanismos de verificación habilitados e esixidos pola Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo.

No referente a medidas técnicas para minimizar o risco dun acceso indebido por parte de menores mediante a conta dun adulto, proporcionámoslles aos nosos usuarios rexistrados a información axeitada para garantir a confidencialidade dos contrasinais. Ademais, nesta web non está permitido o uso de opcións de "gardado" automático do contrasinal que puidesen permitir a conexión inmediata e non verificada de menores de idade con contas pertencentes a adultos.
A SELAE conserva o rexistro de todos os intentos de acceso, xa se realicen con ou sen éxito, para a súa posterior auditoría.

 

ACCIÓNS PREVENTIVAS CONTRA O XOGO EN LIÑA EXCESIVO OU PATOLÓXICO

As páxinas informativas sobre a mecánica e normativa de cada xogo indican claramente o importe das apostas de cada xogo. Adicionalmente, durante todo o proceso de prognóstico e tramitación do boleto, o sistema indícalle ao participante o importe total e definitivo deste. Tamén, unha vez finalizada a compra, é posible consultar o histórico de gasto mediante unha exhaustiva listaxe anual, tamén exportable como ficheiro de texto para o seu tratamento posterior por parte do participante.
Para evitar calquera forma de compra compulsiva, sexa intencionada ou non, o sistema evitará que se poidan tramitar apostas idénticas mediante clicks reiterados sobre o botón de compra.

1. Verificación do Rexistro Xeral de Interdicións de Acceso ao Xogo
O Rexistro Xeral de Interdicións de Acceso ao Xogo (RGIAJ) é un rexistro público, creado en virtude da Lei 13/2011, de regulación do xogo, que inclúe os cidadáns que exercesen o seu dereito a solicitar que lles sexa prohibida a participación nas actividades de xogo. Así mesmo, este rexistro lista tamén os cidadáns que teñen prohibido por resolución xudicial o acceso ao xogo, e os que se atopan legalmente incapacitados para esta actividade.
Os operadores de xogo, entre eles a SELAE, están obrigados pola citada lei, e polos regulamentos que a desenvolven, a ter en conta os datos publicamente ofrecidos polo RGIAJ de cara a restrinxir o acceso desas persoas a servizos de xogo en liña, moi particularmente á realización de apostas e ao cobramento de premios.

2. Indicación de tempo dedicado ao xogo
Cando o usuario inicie unha sesión no sistema, mostraráselle información sobre a súa anterior sesión, para que sexa plenamente consciente dos seus accesos ao servizo de xogo en liña.
Durante esta sesión, a SELAE permitiralle en todo momento ao usuario visualizar a hora actual, para que o participante non perda en ningún momento a noción do tempo que leva xogando.

3. Fomento do xogo responsable
A páxina web da SELAE non incorre en ningunha chamada á acción que puidese fomentar o risco de adicción e o xogo patolóxico.
O usuario poderá navegar e informarse sobre calquera dos nosos xogos, sen estar en ningún caso obrigado a participar nestes. A opción de participación ofrécese sempre de maneira adicional e voluntaria.
No caso de que o usuario perda nas xogadas precedentes, o sistema non o inducirá a que recupere as súas perdas e, unha vez que o usuario decide abandonar o sistema, este non lle ofrecerá en ningún caso xogos de balde ou promocións para inducilo a continuar a súa actividade.
 
4. Test de autoavaliación de xogo responsable
A Resolución do 16 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación do Xogo, establece un test de xogo responsable e de prevención de condutas adictivas do xogo. Aquí pomos á túa disposición o devandito test, co obxectivo de que poidas realizar unha autoavaliación nesta materia.

 

MEDIDAS QUE O PARTICIPANTE PODE ADOPTAR PARA AUTOLIMITAR A SÚA PARTICIPACIÓN NOS NOSOS XOGOS

1. Autolimitación dos importes de carga e xogo en liña
De acordo co artigo 36 do Real decreto 1614/2011 polo que se desenvolve a Lei 13/2011, de regulación do xogo, no relativo a licenzas, autorizacións e rexistros do xogo, a SELAE non lles permite actualmente aos participantes depositar na conta de xogo en liña importes superiores a: 

  • 400 euros para o importe diario
  • 1.500 euros para o importe semanal
  • 3.000 euros para o importe mensual

 Todos os participantes dispoñen da opción de reducir os límites de depósito autorizados. Calquera redución dos límites de depósito autorizados polo participante producirá un efecto inmediato.
Independentemente dos citados límites á carga, o participante conta cun campo no seu perfil de xogador en liña onde pode indicar o importe máximo para o seu gasto semanal. Cada vez que intente participar nos nosos xogos, o sistema controlará que o importe das apostas realizadas durante os últimos 7 días non supere o devandito valor.

 

2. Autoexclusión do servizo de participación en liña
No caso de que sexas participante nos nosos xogos a través desta web, e de que te consideres incapaz de controlarte, ou simplemente desexes evitar a túa participación nos nosos xogos, Loterías del Estado ofréceche un servizo de autoexclusión temporal a través da túa conta de participante.
A autoexclusión é un proceso mediante o cal podes deixar bloqueada a túa conta de xogo por un período que podes elixir entre os preestablecidos, e evitarás desta maneira calquera participación en liña nos nosos xogos. Os devanditos períodos abarcan desde unhas semanas ata a suspensión indefinida.
Durante o período de autoexclusión temporal no rexistro de usuario, o cliente non poderá desbloquear as súas contas por si mesmo, nin tampouco poderá:

  • participar a través de loteriasyapuestas.es en ningún dos xogos da SELAE
  • depositar importes no rexistro de xogo
  • recibir ofertas de promoción nin comunicacións da SELAE
  • abrir outro rexistro de usuario

No caso de autoexclusión temporal, ao final do período establecido o teu rexistro de usuario reactivarase automaticamente, e permitirache unha normal operación a partir de entón. No caso de autoexclusión permanente, a SELAE proporciónache a posibilidade de solicitar a túa readmisión. 

3. Inscrición voluntaria no Rexistro Xeral de Interdicións de Acceso ao Xogo
O Rexistro Xeral de Interdicións de Acceso ao Xogo (RGIAJ) é un rexistro público, creado en virtude da Lei 13/2011, de regulación do xogo, que inclúe os cidadáns que exercesen o seu dereito a solicitar que lles sexa prohibida a participación nas actividades de xogo. Así mesmo, este rexistro lista tamén os cidadáns que teñen prohibido por resolución xudicial o acceso ao xogo, e os que se atopan legalmente incapacitados para esta actividade.
Se desexas inscribirte, modificar os teus datos ou darte de baixa no RGIAJ, podes solicitarllo á Dirección Xeral de Ordenación do Xogo a través da ligazón que verás ao final desta páxina.

 

MEDIDAS PARA PALIAR OS EFECTOS NOCIVOS DO XOGO

Centros de axuda para xogadores problemáticos
Se desexas poñerte en contacto con servizos gratuítos de axuda e asistencia para este tema, ofrecémosche algunhas ligazóns que poden resultar do teu interese: